Pontevedra
De 16.30 a 19.00 h
Presencial
Público xeral
LUGAR | Praza de San Xosé (partida)
ORGANIZA | Universidade de Vigo e Concello de Pontevedra
Camiñada por diferentes lugares da cidade de Pontevedra que tiveron algunha significación na vida e obra de Castelao. Castelao comezou a traballar como auxiliar de Estatística en Pontevedra a principios de 1916, e residiría na cidade ata 1936. Nesta cidade comeza a colaborar axiña cos intelectuais da vila e nos círculos culturais que alí existían. Serán anos moi prolíficos na súa obra e na súa actividade política.
Nesta andaina realizada en colaboración coa Área de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e guiada por Roberto Rivas Reboredo, historiador experto en Castelao, preténdese achegar ao público a figura de Castelao nestes anos e o vínculo entre o traballo a prol da lingua galega e o espazo urbano de Pontevedra, ademais de recordar outros fitos da historia da cidade.
O percorrido comezará ás 16.30 horas na praza de San Xosé cunha parada no edificio onde se situaba o Café Moderno. A seguir, visitaranse diferentes puntos emblemáticos como as rúas da Oliva e de César Boente, as prazas da Ferraría, da Pedreira e de Santa María. A camiñada rematará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra arredor das 18.00 h.
Trala ruta a cargo de Roberto Rivas, realizarase unha parada no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Neste lugar a doutora en Historia e Arte Diana Vilas, profesora no Mestrado en Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo e experta na obra gráfica de Castelao, achegaranos á representación da nenez nas estampas deste persoeiro, xunto á doutora en Filoloxía Galega e profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña, que aludirá á actualidade de Castelao por canto foi quen de representar tanto a explotación e a vulnerabilidade dos animais como a súa empatía con eles.
INSCRICIÓN