Lugo
18.00 a 22.00 h
Presencial
Público familiar
Prazas: consultar cada obradoiro.
LUGAR | Praza de Abastos
ORGANIZA | Xuvenciencia e Agromar (Universidade de Santiago de Compostela)
Superbacterias á vista!
Sabías que hai microorganismos tan fortes que nin os antibióticos máis potentes conseguen vencelos? Agóchanse en todas partes e aínda que son invisibles aos nosos ollos, están a causar unha pandemia silenciosa que ameaza a nosa saúde. Nesta actividade descubrirás quen son as superbacterias, que aspecto teñen, como se espallan e, o máis importante, que podemos facer para previlas. Ademais, empregando a creatividade, poderás darlle forma coas túas máns, mentres aprendes a coidar da saúde de todos e todas!
Duración: 20-30 minutos
3 a 14 anos
O que agochan as células
Nesta actividade descubriremos todo o que agochan as nosas células! Exploraremos a estrutura e función das células e estudo de tecidos con microscopio, ademais da análise do ADN e a súa función. Realizaranse prácticas como a extracción de ADN, o frotis sanguíneo e a observación de tecidos ao microscopio. O obxectivo é dar a coñecer as nosas estruturas vitais máis pequenas!
Duración: 20-25 minutos
> 6 anos
A química do día a día
Obradoiro interactivo de divulgación con diferentes experimentos químicos realizados con material presente na nosa vida diaria e presentados de maneira sinxela co fin de incrementar o interese dos rapaces e rapazas na ciencia. As explicacións dos experimentos varían segundo a idade dos asistentes.
Duración: 20-25 minutos
Todas as idades
A ciencia a través dos sentidos
A través de sinxelas probas científicas os e as participantes empregarán os sentidos para coñecer máis en profundidade diferentes alimentos e as características destes.
Duración: 15-20 minutos
Todas as idades
Doctor, what is happening to my cattle!
Realización de probas rutinarias diagnósticas de campo en gando vacún, tales como o test de California para o diagnóstico de mamite, test de tira de ouriños, e a realización da inseminación artificial nun modelo de vaca. Contabilización de neutrófilos vistos a microscopio dunha mostra citolóxica de endometrio bovino.
Duración: 15 minutos
10 a 14 anos
Un laboratorio na túa man
Poderedes aprender a estrutura do ADN e facer un modelo de ADN moi especial! Ademais aprenderemos como se fan as análises de ADN e os avances para levar un laboratorio completo a dispositivos miniaturizados ou lab-on-chip para ter análises máis rápidas e en calquera lugar.
Duración: 50-60 minutos
Todas as idades
Unha historia escrita nas árbores
Os aneis de crecemento das árbores son unha das principais fontes de información sobre o clima pasado. Unha oportunidade de ver e manipular madeiras de diferentes épocas, especies e lugares. Tamén observaremos mostras de madeira no microscopio, e coñeceremos métodos de análise do crecemento en función da madeira. Compararemos os aneis dunhas árbores con outras, e veremos como datalos, e usalos para datar diferentes obxectos e construcións de madeira de épocas pasadas.
Duración: 20-25 minutos
Todas as idades
Misión: espiar os vectores – a rede que te protexe sen que o saibas
Descubre o fascinante mundo dos vectores, organismos pequenos pero importantes para a saúde pública e animal. A través de pósters e unha breve charla divulgativa, darase a coñecer o funcionamento da rede REGAVIVEC, que realiza a vixilancia en Galicia para detectar especies con potencial transmisor de enfermidades. Ademais, poderás observar con lupa algúns dos principais vectores utilizados na investigación e descubrir como se capturan, identifican e vixían estes “espías invisibles”. Unha proposta visual, participativa e sorprendente que amosa como a ciencia traballa na sombra para protexernos.
Duración: 15-20 minutos
Todas as idades
Dío con luz: comunicación con fibra óptica
Como funciona a fibra que nos trae a internet a casa? Como se transmite a información a través desa fibra óptica? Utilizando un código de cores e unha fibra óptica enviaredes información en forma de pulsos de luz.
Duración: 25 minutos
8 a 16 anos
E para medir árbores, mellor cinta métrica ou escáner?
Para coñecer o estado e a evolución dos bosques é imprescindible ter información de primeira man das árbores que os compoñen: que especies os conforman, que tamaño teñen, como se distribúen dentro do bosque etc. Se queres coñecer como as novas tecnoloxías baseadas en escáneres láser nos axudan a obter esta información, este é o teu obradoiro!
Duración: 30 minutos
> 12 anos
Fungos contra parasitos: unha loita microscópica para protexer os animais.
Sabías que algúns fungos poden cazar parasitos? Nesta actividade descubriremos como os científicos están a utilizar fungos saprófitos para controlar os parasitos intestinais que afectan aos animais de granxa, domésticos e incluso aos animais dos parques zoolóxicos. A través de pósteres e mostras visuais, explicaremos como funcionan estes fungos, como se aplican no campo e por que son unha alternativa sostible fronte os antiparasitarios químicos tradicionais.
Duración: 10-15 minutos
Todas as idades
Xoga, Descubre, Aprende!
Obradoiro no que resolveremos retos de maneira colaborativa, xogando coa ciencia, a expresión corporal e as matemáticas. Experimentaremos con algúns recursos innovadores que empregamos na Facultade de Formación do Profesorado mentres descubrimos o que somos quen de facer.
Duración: 50-60 minutos
6 a 12 anos
Cóntacho unha pilota
Empregando un globo terráqueo inchable e unha cinta métrica, planificarase unha viaxe comprobando empiricamente que ás veces os mapas nos enganan e non serven para calcular correctamente as distancias máis curtas.
Duración: 30-60 minutos
Todas as idades
Fotosíntese artificial
Demostración da produción de hidróxeno a partir de enerxía solar utilizando unha cela de combustible. Utilización do hidróxeno xerado para propulsar un vehículo.
Duración: 30 minutos
9 a 18 anos
