Vigo
18:00 a 21:00 h
Presencial
Público xeral e familiar
Prazas: acceso libre
LUGAR | Praza do Berbés
ORGANIZA | Universidade de Vigo e Instituto Español de Oceanografía (IEO)
Exposición e feira científica ao aire libre con obradoiros para todas as idades:
Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico.
Co Grupo Functional NanoBioMaterials, FunNanoBio, do Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo).
As nanopartículas (NPs) metálicas de ouro e prata, debido ás súas propiedades plasmónicas, poden presentar unha ampla variedade de cores. O concepto de ouro amarelo e prata gris desvanécese cando os metais son levados á nanoescala. Esta característica, visualmente tan atractiva, será demostrada no obradoiro proposto. Sintetizaranse, de forma sinxela e segura, diferentes xeometrías e tamaños de NPs que abarquen as cores dun arco da vella. Ademais, non só se explorarán as posibilidades cromáticas que as partículas ofrecen, senón que tamén se levarán a cabo experimentos combinando as nanopartículas sintetizadas coa técnica, tan en boga a día de hoxe, de reaccións inmunolóxicas en fluxo lateral (tests de detección rápida de diferentes antíxenos).
Constrúe unha dobre hélice de ADN
Co Laboratorio de Enfermidades Raras, do Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo) e co grupo Xenética de Poboacións e Citoxenética, do CIM (Centro de Investigación Mariña).
Cada unha das dúas hebras de ADN ten bases de ADN (as A, G, C e T). A orde das bases de ADN constitúe o noso código xenético. As bases do ADN sobresaen da cadea de ADN e conectan as dúas cadeas, coma se fosen banzos dunha escaleira. As bases A sempre se conectan coas bases T, e as bases C sempre se conectan coas bases G. Proporanse dous obradoiros:
Para nenos menores de 10 anos: construír unha dobre hélice de ADN comestible con gominolas
Para maiores de 10 anos incluídos adultos: construír con papel dunha dobre hélice de ADN.
A experiencia estímase que terá unha duración de 10-12 minutos, para que poidas visitar todas as actividades da feira.
Os minerais como testemuñas da historia: dende Altamira ata a arte urbana.
Co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros, do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo).
Actividade manipulativa na que nenos e nenas fabrican tres tipos de pintura con minerais e outras materias primas, descubrindo a importancia de utilizar diferentes minerais na intensidade da cor ou da textura da pintura. Tamén poderán experimentar cos materiais e técnicas usadas no paleolítico.
A experiencia dura uns 20 minutos. Poden participar ao mesmo tempo ata 6 nenos/as.
ECOBAS Quiz
Co Grupo Ecobas (Economics and Business Administration for Society).
Xogo de preguntas sobre conceptos básicos da economía.
Que son as “nanocousas”?
Con Grupo Team Nano Tech, do Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo).
Mostra teórico-práctica de actividades realizadas nun grupo de investigación dedicado á nanotecnoloxía.
Explicaremos as motivacións que levan ao grupo de investigación a estudar os nanomateriais, a súa importancia no día a día, como se poden modular as súas propiedades para a innovación en múltiples ámbitos e en que nos poden axudar no futuro. Mostraranse os tres ámbitos nos que estamos traballando: nanocatalizadores, nanomateriais magnéticos e nanomateriais plasmónicos.
Comezarase cunha curta presentación inicial e seguidamente farase unha pequena mostra práctica experimental que utilice os nanomateriais previamente explicados, onde o público poderá participar e utilizar algún material de laboratorio (pipetas, matraces, axitadores etc). Serán varios experimentos, cunha duración duns 5 minutos cada un.
Descobre connosco a vida no solo
Co Grupo de Ecoloxía Animal, do CIM (Centro de Investigación Mariña).
Unha descuberta da biodiversidade do solo e o rol dos organismos do solo no funcionamento do mesmo, completada con información sobre as investigacións no tema que realizamos no Grupo de Ecoloxía Animal (GEA).Haberá 3 centros de interese: o solo, como é e que servizos presta ao ser humano; a biodiversidade de organimos do solo e o seu papel no funcionamento do solo; a vermicompostaxe e outras investigacións do GEA sobre o solo.
Xeotecnoloxías aplicadas
Co Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo).
A VISIÓN INFRAVERMELLA: Nesta actividade de termografía infravermella preséntase esta técnica, coa que medimos a distribución de temperaturas superficiais cunha cámara nos obxectos de maneira que podemos detectar anomalías tanto externas como internas grazas á súa pegada térmica.
REALIDADE VIRTUAL: Nesta actividade experimentaremos con gafas de realidade virtual. Verás de primeira man entornos reais captados mediante LiDAR e inseridos nun entorno virtual.
Achégate ás telecomunicacións
Co Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC), grupo Information & Computing Lab (I&CLab) e Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (GIST), de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación).
Presentarán de forma conxunta diversos proxectos de investigación e conceptos relacionados coa tecnoloxía e as telecomunicacións. O propio persoal investigador contará como é o seu día a día no seu traballo, amosará equipos de laboratorio reais que servirán para demostrar os ámbitos nos que están a investigar, etc.
Novas tecnoloxías para a enxeñaría
Co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros, do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo).
Actividade onde os asistente poderán ser testemuña das aplicación da visión artificial e as redes Bayesianas na enxeñaría e na xestión de medio natural.
IEO-CSIC: A investigación mariña
Obradoiros e actividades vinculadas coa investigación mariña.
MICROPLÁSTICOS NO MEDIO MARIÑO. experiencias para comprender as orixes, transporte, distribución e posibles efectos dos microplásticos (MP) no medio mariño. Estas consistirán na observación de MP visualmente e mediante microscopia e experiencia de comportamento de flotación na auga de mar. Realizarase una descrición do ciclo de vida dos plásticos no mar (degradación, cadea trófica) mediante a axuda visual de pósters. Adicionalmente disporase de elementos demostrativos como equipos de mostraxe ou exemplos de lixo mariño.
UN ARCO DA VELLA BAIXO O MAR.este obradoiro explica ao público as cores que podemos observar no mar e o seu significado. Que son as mareas vermellas?, que organismos as producen?, hai relación entre a cor no mar e as toxinas? No obradoiro inclúense proxeccións dos organismos do fitoplancto nas rías, responsables da productividade do mar e tamén dos episodios tóxicos. Explicamos que tipo de toxinas temos, as condicións naturais relacionadas con ditos episodios e cales son as épocas nas que soen abondar as proliferacións tóxicas. Tamén falaremos das cores do fitoplancto e os seus pigmentos, cun obradoiro práctico para observalos en directo. E por suposto a bioluminiscencia ou ardora, explicando a natureza diste fenómeno e demostracións prácticas usando cultivos bioluminiscentes.
UVigo Motorsport e UVigo SpaceLab. Programa completo próximamente.