Vigo
17.00 a 21.00 h
Presencial
Público xeral e familiar
LUGAR | Edificio Redeiras (terceiro andar)
ORGANIZA | IIS Galicia Sur e Universidade de Vigo
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur estará presente na G-Night cun espazo propio no que achegará a investigación biomédica a públicos de todas as idades. Ao longo da xornada, as persoas visitantes poderán participar en catro talleres divulgativos e percorrer unha exposición sobre os últimos avances na investigación do VIH.
Descubre o ADN
Sabías que é posible extraer ADN utilizando materiais sinxelos e accesibles? Neste taller aprenderemos que é o ADN, onde se atopa e cal é a súa función. As persoas participantes realizarán unha extracción de ADN de amorodo e poderán observalo a simple vista. Un experimento sorprendente para descubrir a molécula que contén as instrucións que fan posible a vida.
As cores da ciencia
As cores tamén poden ofrecernos información científica. A través dun experimento práctico, mediremos o pH de diferentes substancias e observaremos como cambian de cor en función da súa acidez ou alcalinidade. Ademais, explicaremos como se empregan os cambios de cor nos laboratorios para identificar substancias, interpretar reaccións químicas ou obter información sobre unha mostra. Un taller visual e participativo no que crearemos a nosa propia paleta de cores científica.
Neurociencia e arte
Achegarémonos ao cerebro a través das históricas ilustracións de Santiago Ramón y Cajal e observaremos neuronas ao microscopio. A actividade permitirá coñecer como son e como se comunican estas células, así como comprender que sucede no cerebro das persoas con alzhéimer e outras demencias. Un encontro entre ciencia e arte para descubrir a complexidade e a beleza do noso cerebro.
VIH: ciencia aberta: Exposición de banda deseñada sobre o VIH
Exposición de cómics que presenta, dunha maneira visual e accesible, as últimas novidades na investigación do VIH. As historias permitirán coñecer os avances na prevención, no diagnóstico e nos tratamentos, así como os retos científicos e sociais que aínda permanecen abertos.
