Obradoiros no Mercado Municipal

Lugo
18.00 a 22.00 h
Presencial
Público familiar

Prazas: consultar cada obradoiro

LUGAR | Mercado Municipal
ORGANIZA | Xuvenciencia e Agromar (Universidade de Santiago de Compostela)

As carrachas, presuntas culpables

Neste obradoiro traballaremos coas carrachas, eses pequenos animais que a miúdo atopamos alimentándose dos nosos cans, ou incluso, se temos mala sorte, de nós mesmos. Coñeceremos as carrachas que se atopan en Galicia, como identificalas e que enfermidades poden transmitir. Finalmente daranse unhas pautas para que os e as participantes poidan saber como evitar as súas picaduras e, polo tanto, a transmisión de patóxenos.

Duración: 10-15 minutos

> 14 anos

Monitorización ambiental de baixo custe utilizando Arduino e ESP32

Trátase de facer medidas de temperatura, humidade ambiental, humidade da terra, e outras, utilizando sensores de baixo custe e placas tipo Arduino ou ESP32. 

Tamén se describirá o proceso de deseño e depuración do kit Aqualab, facendo demostracións do seu uso.

Duración: 10-15 minutos

> 12 anos

Quen ten máis proteína?

As proteínas contribúen ao aumento e conservación da masa muscular e ao mantemento dos ósos en condicións normais, o que as posiciona como un macronutriente imprescindible na alimentación. 

Neste obradoiro determinarase o contido de proteína de diferentes tipos de leite e de bebidas vexetais para ver cal nos aporta unha maior cantidade de proteína.

Duración: 15 minutos

> 12 anos

Un bosque nun chiscar de ollos 

A actividade consistirá na exposición de diferentes especies vexetais cultivadas in vitro, seguido dunha demostración da técnica de propagación in vitro e microenxerto. Resolveremos cuestións como: Por que clonamos as árbores? Cantas árbores se poden producir nun ano utilizando o cultivo in vitro? Como seleccionamos os individuos a clonar?  

Duración: 30 minutos

Todas as idades

Como afectan os terremotos ás estruturas?

Nas zonas nas que hai posibilidade de que suceda un terremoto hai que tomar precaucións no deseño das estruturas de enxeñaría civil ou dos edificios. Empregando unha mesa vibratoria unidimensional controlada mediante arduino e coa axuda de acelerómetros, ensaiaremos diferentes maquetas de estruturas para entender os factores fundamentais que afectan á frecuencia natural coa que vibran e identificaremos fenómenos como a resonancia.

Duración: 15 minutos

>16 anos

Areeiro de realidade aumentada

Seguindo un modelo desenvolto na Universidade de Davis mostrarase un simulador de mapas topográficos en 3D interactivo que se actualiza en tempo real cando o manipula o usuario. Tamén podemos simular a escorrentía de augas cando se “fai chover” sobre o terreo. Este ano con novos xogos interactivos.

Duración: 15 minutos

Todas as idades

A microsimulación para a xestión da mobilidade nas cidades 

Para estudar o comportamento do tráfico de vehículos e das persoas nos entornos urbanos estanse a empregar cada vez máis os modelos de microsimulación por computador. Os resultados destas simulacións permiten tomar decisións sobre os ciclos semafóricos, a ubicación dos pasos peonís ou elixir a alternativa máis efectiva na xestión da mobilidade de vehículos e peóns nas contornas complexas.  

Duración: 20 minutos

>14 anos

Ciencia á Feira / Lambiscadas Científicas 

O proxecto Ciencia á Feira, impulsado por XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, foi seleccionado pola FECYT na Convocatoria de Axudas ao Fomento da Cultura Científica. A súa terceira edición combina accións presenciais e dixitais inspiradas na tradición das feiras, co obxectivo de achegar o coñecemento científico e tecnolóxico á poboación rural e periférica galega. 

Nesta ocasión abordaranse diferentes temáticas como as carrachas e as enfermidades que transmiten, a xestión sostible da auga, as micorrizas e enxertos, a loita contra as superbacterias, as velutinas, os mercados de carbono e o monte veciñal.

Todas as idades

REMOVIRT H3D

Os e as visitantes poderán interactuar con visualizacións tridimensionais de fígados humanos reconstruídos a partir de probas de Tomografía Computerizada realizada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. As reconstruccións realizámolas no marco do Proxecto Removirt, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no Campus Terra de Lugo, empregando técnicas de Machine Learning, Intelixencia Artificial e Visión Artificial.  

Ao público visitante ofreceráselle unha explicación de como este sistema desenvolvido no proxecto significará un gran avance na planificación de cirurxías do fígado cando este está afectado por enfermidades relacionadas co cancro e a cirrosis hepática. 

Todas as idades

RePowerSiC

RePowerSiC ten como misión redefinir a forma en que se transmite a enerxía no espazo. O noso obxectivo é desenvolver un sistema de transmisión de enerxía mediante láser de alta potencia baseado en carburo de silicio (SiC), capaz de permitir a transferencia de enerxía sen fíos a través de grandes distancias no espazo. Esta tecnoloxía promete non só mellorar a eficiencia, senón tamén reducir drasticamente o peso e o tamaño dos receptores de enerxía, facendo que a exploración espacial sexa máis eficaz e sostible. Os visitantes, ademais de información do proxecto, poderán ver demostradores de probas de concepto realizadas tanto no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Nestes demostradores inténtase mostrar a problemática de transmitir enerxía no espazo e como dende o proxecto RePowerSiC se atende a esta necesidade.

Todas as idades

Laboratorio vivo do solo de Galicia

O proxecto SUS-SOIL, do grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, céntrase no estudo da saúde dos solos para avaliar o seu grao de sustentabilidade. Neste laboratorio vivo descubriremos o efecto dos incendios sobre o solo, os residuos que poden resultar nocivos para o medio ambiente e os pequenos amigos microscópicos que habitan nos nosos solos e contribúen á súa fertilidade.

Todas as idades

Producións agroforestais proxecto AF4EU

Propoñémosche unha actividade de memoria na que relacionarás diferentes especies arbóreas cos seus froitos. Despois, cunhas gafas conectadas ao móbil, poderás vivir unha experiencia inmersiva en 360º: converteraste nun porco celta dentro do sistema agroforestal, actuando como unha auténtica desbrozadora natural.

Todas as idades

As velutinas e nós: coñecendo ás avespas invasoras

Neste obradoiro achegarémonos ao mundo da vespa velutina, unha especie invasora que leva anos expandíndose por Galicia. Aprenderemos a recoñecer como son, e por que supoñen unha ameaza para a apicultura, os ecosistemas e a economía local. Tamén falaremos de medidas de control, analizando as súas vantaxes e limitacións.

Todas as idades

www.xuvenciencia.org