Roteiro | Tralos pasos de Lorca en Pontevedra

 

Pontevedra
17.00 – 19.00 h
Hora de saída 17.00 h
Edificio Castelao (Museo de Pontevedra)

Camiñada por diferentes lugares da cidade de Pontevedra que tiveron algunha significación na vida de Federico García Lorca (1898-1936). Trátase dun paseo polos lugares lorquianos en Pontevedra, é dicir, polos espazos que el puido visitar nas dúas viaxes de 1932. Ademais aludirase á pegada que Federico García Lorca deixou nos escritores e escritoras contemporáneas, nomeadamente nos mozos creadores da revista Cristal, e nas persoas que estudaron a súa obra.

Nesta camiñada, realizada en colaboración co Colectivo Xurelo e guiada por Quique Mauricio (un dos creadores do roteiro “Pontevedra lorquiana”), preténdese achegar ao público as viaxes de García Lorca a Pontevedra no ano 1932 e relacionalas coa da historia da cidade.

O percorrido comezará ás 17.00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra*. A seguir, visitaranse diferentes puntos emblemáticos como a praza da Estrela, as rúas Peregrina e García Camba, a praza de Galicia ou a praza de San Xosé onde se situaba o Café Moderno. A camiñada rematará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra arredor das 19.00 h.

Durante o roteiro a cargo de Quique Mauricio, e acompañado por Ana Acuña (UVigo), aludirase ás persoas vinculadas a Pontevedra que estudaron a García Lorca. É o caso, por exemplo, de María Victoria Moreno (1939-2005), Xesús Alonso Montero (1928-2026) ou Carlos Álvarez Taboada (1979-2025). Desta maneira o paseo literario pretende homenaxear nos seus diferentes aniversarios ao poeta alófono pero tamén aos que del se lembraron.

*No caso de choiva o paseo desenvolveríase no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

INSCRICIÓN

 

Cousas a ter en conta:

—Lembrade levar roupa e zapato cómodo e ganas de aprender.

—Importante levar tamén as entradas impresas ou no móbil.

—Para calquera dúbida, poñédevos en contacto coa Unidade de Cultura Científica no teléfono 986 130 263 ou no correo electrónico ucc@uvigo.gal.