A G-Night 2026 levará medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas ás sete cidades galegas

Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.

Será o vindeiro venres, 25 de setembro, a partir das 17.00 horas, de xeito simultáneo en centos de lugares de toda Europa. Este venres presentouse o programa de actividades no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela nun acto no que se reuniron as e os principais representantes das entidades organizadoras. Desde a Universidade de Vigo, asistiu á presentación o vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña, quen salientou o carácter colectivo da iniciativa e o compromiso das persoas investigadoras, máis de 100 no caso da UVigo, que participan en arredor de 40 actividades. Comesaña destacou tamén o “carácter lúdico, participativo e interactivo” da programación, que permitirá ao público conversar directamente co persoal investigador en espazos como Redeiras, a ría de Vigo, bares, bibliotecas ou outros lugares das cidades.

No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, puxo o foco no carácter colaborativo da G-Night e na oportunidade que ofrece para sacar a investigación dos laboratorios, aulas e despachos e levala ao encontro da sociedade. Subliñou, neste sentido, que a iniciativa está pensada para todas as idades e que o obxectivo é facer que a ciencia sexa próxima á cidadanía, nunha edición na que tamén cobran protagonismo as humanidades e as ciencias sociais. “A investigación ten sentido non só cando se fai senón cando se socializa e se relaciona coa sociedade”, sinalou.

En representación da Universidade da Coruña asistiu a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, quen explicou que a UDC desenvolverá máis de 20 actividades nos campus da Coruña e Ferrol, dirixidas tanto a escolares como ao público xeral, con máis de 200 persoas investigadoras implicadas. A programación, que chegará a espazos como a dársena da Coruña, aposta por obradoiros participativos e propostas que permitan experimentar e descubrir a presenza do coñecemento científico na vida cotiá.

O acto contou, ademais, coa participación da responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Patricia Quintas, quen explicou que o organismo participa un ano máis a través dos seus centros de investigación en Santiago, Vigo e Pontevedra, cunha programación que inclúe xogos, exposicións, actividades de ciencia lúdica, un escape room, roteiros históricos e propostas arredor da intelixencia artificial. Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN, Carmen Cotelo, destacou o papel da G-Night para visibilizar o traballo das persoas que fan ciencia en Galicia e para transmitir a mensaxe de que a comunidade galega é un lugar para investigar. Neste sentido, vinculou a iniciativa co obxectivo de facer medrar o ecosistema de investigación e innovación e coa necesidade de recoñecer tanto o talento como o compromiso das persoas investigadoras.

Finalmente, Eugenio Vázquez, vogal da xunta directiva da Sección Territorial Galega da Real Sociedad Española de Química, entidade que apoia a iniciativa, reivindicou o papel da divulgación como vía para achegar a ciencia á sociedade e salientou o compromiso da RSEQ, unha das sociedades científicas máis antigas de España, fundada en 1903.

En 2025 achegáronse a esta cita máis de 10.000 persoas

En 2025 achegáronse a esta cita máis de 10.000 persoas e a idea é repetir ou superar esta cifra. De novo, o mapa da G-Night estará composto de espazos como o claustro do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela; a dársena da Mariña, na Coruña; o mercado municipal e a praza de abastos de Lugo ou o edificio Redeiras en Vigo, ademais de bares, prazas, parques, museos, centros de investigación e outros espazos públicos das cidades galegas. A diversidade de escenarios permitirá achegar a ciencia a públicos moi diferentes e converter distintos recunchos das cidades en lugares de encontro coa investigación.

Expo-feiras científicas, roteiros, obradoiros, paseos en barco, xornadas de portas abertas ou actividades en centros escolares son algunhas das propostas desta sexta edición da G-Night para achegarse á investigación e á ciencia en primeira persoa. A programación abrangue, tal e como se explicou na presentación, todas as ramas do saber e invita a ver, tocar, experimentar e descubrir, con actividades adaptadas a públicos de todas as idades.

Cada último venres de setembro en máis de 460 cidades europeas

A G-Night é unha iniciativa galega orientada a achegar a ciencia á sociedade que naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento da Unión Europea que se celebra en máis de 460 cidades de xeito simultáneo o último venres de setembro. A Universidade de Vigo coordina a G-Night 2026, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o Cesga, Citmaga, Ecobas, FCEER, IDIS, IISGS e Inibic.

A G-Night celébrase grazas ao compromiso das entidades organizadoras e finánciase cos recursos propios dos preto de 20 organismos que forman o consorcio. Ademais, o evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da GAIN (Axencia Galega de Innovación), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e coa colaboración da Real Sociedad Española de Química, ademais doutras achegas a nivel local.