Charlas: Matemáticas para a Ciencia e a Vida

Santiago
18.00 ás 22.00 h
Presencial e en liña
Público familiar

LUGAR | Salón de graos de San Xerome (Praza do Obradoiro, s/n. Santiago)
ORGANIZA | CITMAGA

> 18.00 h | Matemáticas para a Ciencia e a Vida: As matemáticas que fluen na auga e no sangue

O obxectivo do relatorio e partillar coa audiencia aplicacións das matemáticas en Galicia e noutras rexións e simulacións tridimensionais en fluidos en conexión con empresas e institucións.

Relatoras: Saray Busto Ulloa (Profesora Axudante Doutora da Uvigo) e M. Elena Vázquez Cendón (Profesora Titular da USC e investigadora vinculada do CITMAga)

> 18.20 h | Matemáticas para a Ciencia e a Vida: Matemáticas para un futuro máis verde 

Charla curta para explicar a importancia das matemáticas, e en particular da modelización matemática e da simulación numérica, nun proceso industrial destinado a producir silicio de calidade con baixo impacto ambiental. A investigación neste campo realízase no marco dun proxecto europeo (SisAl Pilot).

Relator: Óscar Crego (Investigador asociado do CITMAga)

> 18.40 h | Matemáticas para a Ciencia e a Vida: Coordinando os helicópteros nun incendio forestal

Presentación dos problemas da coordinación das aeronaves durante un incendio forestal, e dunha solución aportada para axudar ó coordinador de incendio na planificación das aeronaves durante a extinción do incendio.

Relatoras: Marta Rodríguez Barreiro (Investigadora colaboradora propia do CITMAGA) e María José Ginzo Villamayor (Universidade de Santiago de Compostela, colaboradora do CITMAga)

> 19.00 h | Matemáticas para a Ciencia e a Vida: Analizando accidentes de tráfico con estatística espacial 

Os accidentes de tráfico son un dos principais retos a nivel mundial, pois resultan unha grave ameaza para a vida humana, sendo unha das principais causas de morte, especialmente nas/os mozas/os. Segundo a OMS, o número de mortes nas estradas do mundo é inaceptablemente alto, falecendo aproximadamente 1.35 millóns de persoas cada ano. Para comprender as causas dos accidentes de tráfico xorde a seguridade viaria, que busca apoiar ás institución na implementación de medidas axeitadas para mitigar este fenómeno. A estatística é esencial neste eido, posto que permite a análise da distribución espazo-temporal dos accidentes, a determinación de “puntos quentes” ou a comparación de patróns. Nesta charla, queremos explicar o papel fundamental da estatística espacial neste campo, para o que empregaremos exemplos e ilustracións que axuden a comprender a súa utilidade e o seu potencial.

Relatora: María Isabel Borrajo García (Profesora Contratada Doutora da USC e investigadora vinculada do CITMAga)

> 19.20 h | Matemáticas para a Ciencia e a Vida: E a min a estatística, de que me serve?

Todos os días manexamos moitísimos datos e non temos problema para procesalos e extraer a información relevante sen aplicar nada de estatística. Entón, por que está tan de moda falar de ciencia de datos? Por que son necesarias tantas ferramentas novas para facer algo tan sinxelo? A resposta (alerta spoiler) é que extraer conclusións dásenos bastante peor do que pensamos.

Relatora: María Vidal García (Investigadora predoutoral da USC e investigadora en formación do CITMAga)

> 19.40 h | Matemáticas para a Ciencia e a Vida: Mategami

O origami é un tipo de arte orixinario de Xapón. Consiste na formación de figuras mediante dobraduras de papel, sen cortes. Nesta actividade descubriremos algúns dos principios matemáticos que hai detrás desta técnica, así como algunhas aplicacións da mesma. 

Relatores: Belén Serrano Antón (Investigadora en formación do CITMAga e investigadora predoutoral da USC, doutorado industrial) e Javier López Pedrares (Investigador en formación do CITMAga e investigador predoutoral da USC)

Ademais, tamén poderedes comprobar toda a información actualizada na web do CITMAga.