FEIRA CIENTÍFICA | Praza do Berbés

Vigo
17.00 a 21.00 h
Presencial
Público xeral e familiar

Prazas: acceso libre

LUGAR | Praza do Berbés
ORGANIZA | Universidade de Vigo

Química en acción: ciencia para todo o público

Este posto converterá a química nun auténtico espectáculo cheo de cor, burbullas e experimentos sorprendentes. Un espazo pensado para experimentar, sorprenderse e achegarse á química dunha maneira divertida, visual e moi interactiva.

Da Terra á Lúa a través do espazo

Neste posto somerxeraste no mundo dos satélites CubeSat, poderás interactuar con maquetas a escala real e con prototipos de robots exploradores de covas lunares!

Hackeando a lei: Cara a unha xustiza con perspectiva de xénero

A actividade combinará materiais visuais, infografías e dinámicas participativas para fomentar a reflexión sobre o papel do dereito na promoción da igualdade de xénero e dos dereitos das persoas.

O que nos conta a cor

Descubre como a química pode transformar a cor! A través de diferentes experimentos, observaremos cambios de cor provocados por reaccións químicas e aprenderemos a detectar substancias que son invisibles a simple vista.

Misión Material

Podes descubrir un material sen velo? Introduce as mans na caixa e déixate guiar polo tacto. A través do peso, a textura, a rixidez e outras propiedades, terás que adiviñar que material estás a tocar.

CITMAGA | Xogando coas matemáticas!

Neste obradoiro vamos descubrir como as matemáticas poden aprenderse xogando. Exploraremos, mediante xogos e quebracabezas xeométricos, conceptos como a área, o perímetro ou a visión espacial. A través de retos adaptados a todas as idades, pequenos e non tan pequenos poñerán a proba o seu enxeño e comprobarán que as matemáticas son una ferramenta para observar, experimentar e descubrir o mundo que nos rodea.

As plantas non (só) son verdes

Que son os pigmentos vexetais? Cantos hai? Para que lles valen ás plantas? E ao ser humano? Descubre todo isto e máis nestes miniobradoiros, non teñas medo de mancharte!

Monopraza | UVigo Motorsport

Os membros da escudaría UVigo Motorsport amosarán o monopraza UM26, deseñado e fabricado polo propio estudantado e co que participan nas competicións automobilísticas máis importantes do mundo.

Fundación CEER: conectando universidades, cruzando fronteiras, multiplicando coñecemento

O posto presentará resultados de proxectos de investigación desenvolvidos en colaboración transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, e desde Galicia e norte de Portugal con outras rexións europeas, no ámbito de diferentes áreas temáticas. A través de pósters/demostracións/xogos/material interactivo, o público poderá coñecer como a cooperación científica internacional contribúe a mellorar a sociedade de rexións transfronteirizas, e como a unión de esforzos posiciona a ciencia dunha forma máis eficiente no ámbito internacional. Contarase coa presenza de investigadores e investigadoras dos proxectos desenvolvidos pola Fundación CEER, que explicarán de forma accesible os seus obxectivos e resultados.

Pequenos animais, grandes descubrimentos

Os insectos son pequenos, pero representan unha enorme diversidade de formas, tamaños e maneiras de vivir. Podemos atopalos practicamente en calquera ambiente e, aínda que moitas veces pasan desapercibidos, a súa forma de vida, o seu desenvolvemento, o seu comportamento e as súas interaccións co ambiente agochan moitas preguntas científicas.
Nesta actividade achegarémonos ao mundo dos insectos para descubrir algunhas das cousas que os fan tan especiais. A través da observación directa de diferentes especies de insectos vivos, maquetas realistas, mostras e pequenos experimentos, as persoas participantes poderán coñecer a súa diversidade e descubrir como viven, como se desenvolven, que fan e como se relacionan co ambiente que os rodea.

Cazadores de plancto: Descubre o pulmón oculto do mar

Ven a converterte en científico/a por un día co equipo do Centro de Investigación Mariña (CIM). Xuntos lanzaremos unha manga de mostraxe ao mar para capturar plancto vivo e, a través dos microscopios, viaxaremos a un universo invisible cheo de formas alieníxenas, cristais brillantes e diminutos seres en movemento. Descubrirás a importancia do plancton para a vida no planeta! Unha aventura interactiva para toda a familia onde poderás observar, buscar e colorear aos auténticos motores do océano.