A Coruña
25 de setembro, 18:00 a 21:00 h
Presencial
Público todas as idades
PRAZAS | Acceso libre
LUGAR| Dársena da Mariña ( inmediacións Sede Autoridade Portuaria) (A Coruña)
ORGANIZA | Universidade da Coruña
A química e a bioloxía axúdannos a comprender o mundo desde a escala máis pequena ata a máis grande. Na jaima do CICA poderás descubrir os segredos do ouro a escala nano, construír proteínas, viaxar ao pasado a través do ADN, coñecer como investigamos o cancro, observar sorprendentes habitantes do mar ou descubrir como protexer os nosos solos e almacenar enerxía renovable. Unha viaxe pola ciencia, do nano ao planeta.
Fabrica a túa propia batería (Grupo LISTE)
Descubre como se fabrican as baterías que permiten almacenar a enerxía procedente de fontes renovables e coñece de preto os materiais e procesos que fan posible o almacenamento de enerxía.
Previndo o cancro de ovario (Grupo QUIMBIO)
Como podemos previr unha enfermidade a través da química? Descubre por que é importante desenvolver novos métodos para a detección do cancro de ovario e como traballa a investigación para conseguir ferramentas de diagnóstico cada vez máis eficaces.
Poliquetos: os mini extraterrestres mariños que podes atopar na praia (Grupo BioCost)
Descubre estes sorprendentes animais mariños a través de maquetas e mostras reais que poderás observar ao microscopio. Aprende a recoñecer diferentes especies e pon a proba o aprendido con pequenos xogos para toda a familia.
Vermello coma o ouro: propiedades sorprendentes dos nanomateriais (Grupo NEST)
O ouro non sempre é dourado! Descubre como cambian as súas propiedades cando o reducimos a escala nanométrica. Poderás observar diferentes nanopartículas de ouro e seguir en directo como se sintetizan e caracterizan estes materiais.
Viaxes a través do ADN (Grupo GIBE)
Descubre como se traballa coa información que garda o ADN e achégate á investigación a través dunha actividade relacionada co estudo do ADN antigo.
Constrúe a túa propia proteína! (Servizo de Proteómica do CICA)
Sabías que as proteínas teñen o seu propio alfabeto? Descubre o código dos aminoácidos e utilízao para transformar as iniciais do teu nome nunha pequena “proteína” que poderás levar contigo.
Protexemos o solo fronte á erosión (Grupo AQUATERRA)
Experimenta en directo como actúa a erosión sobre o solo e descubre como as coberturas vexetais poden axudar a protexelo. Comprobaremos tamén de maneira experimental a presenza de materia orgánica no solo.
Persoas investigadoras: As persoas investigadoras pertencen ó Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA)
