No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras (European Researchers’ Night) chega este 24 de setembro a Galicia coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo do evento, que se desenvolverá co lema Conciencias creativas.

A G-Night encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación científica en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as científicas e científicos, así como a importancia desta actividade na sociedade.

Financiado con preto de 154.000€ procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Slodowska-Curie Actions (MSCA. Acordo de subvención 101035979-G-NIGHT), as universidades de Santiago e A Coruña, o CESGA, a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e o Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), Gradiant, ITMATI, INIBIC e SEBBM, integran o consorcio coordinado pola Universidade de Vigo, que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras que, ademais de nas cidades galegas, se celebrará de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.

A edición de 2021 está adicada ao Pacto Verde Europeo (European Green Deal)un plan que inclúe cincuenta accións concretas para a loita contra o cambio climático, que pretende convertir a Europa no primeiro continente climáticamente neutro no ano 2050.