FEIRA CIENTÍFICA | Edificio Redeiras e praza do Berbés

Vigo
17.00 a 21.00 h
Presencial
Público xeral e familiar

Prazas: acceso libre (con control de aforo)

LUGAR | Edificio Redeiras e praza do Berbés
ORGANIZA | Universidade de Vigo

Exterior (Praza do Berbés)

Evolución molecular en xogo

Como poden cambiar e adaptarse os virus e que papel xogan o ADN, as mutacións ou as proteínas? Anímate a participar nesta experiencia para entender como evolucionan os virus, mentres te familiarizas con termos como ADN, proteínas ou evolución molecular.

Cegueira ao verde

As plantas xogan un rol básico nos ecosistemas e fornecen ao ser humano de numerosos beneficios, pero seguen a ser organismos pouco coñecidos. Este fenómeno foi bautizado como “cegueira botánica”.
Nesta actividade poderás gozar de xogos e probas para testar o teu coñecemento sobre as plantas, os teus prexuízos, e coñecer diversos usos e beneficios das mesmas.

O dereito fronte á crise climática. Estamos preparados?

Como se relaciona o dereito coa crise climática? Neste xogo interactivo coñecerás o importante papel que xoga o Dereito na loita contra o cambio climático e o seu potencial para cambiar o mundo.

Da terra ao espazo pasando pola lúa

Neste posto poderás ver maquetas de satélites a escala real e de robots exploradores de covas lunares. Ademais, coñecerás a relevancia da investigación aeroespacial e como se está avanzando cara a tecnoloxías que nos levarán máis alá da Lúa. Da Terra ao espazo só hai un satélite de distancia: acompáñanos nesta viaxe?

Materiais: ciencia ficción ou realidade?

Descubre o lado máis sorprendente dos materiais nun obradoiro cheo de enxeñaría, creatividade e experimentación! A través de dinámicas prácticas e exemplos reais, poderás aprender como se comportan distintos materiais baixo presión, torsión ou temperatura, e como estas propiedades son chave para deseñar estruturas resistentes, flexibles ou lixeiras.

Transforma a túa ría

Grupo Organización do Coñecemento (OdC) da UVigo e FUNDAMAR

Obradoiro de innovación social para fomentar na mocidade o emprendemento social e colaborativo para afrontar retos coma o cambio climático. Unha oportunidade para aprender, debater e demostrar que as ideas dos máis novos son clave para construír un futuro máis sostible.

Biorrefinarías de insectos e subprodutos agroalimentarios para un futuro sostible

Neste posto poderás coñecer o que é unha biorrefinería e que clase de residuos se poden tratar para obter produtos de alto valor engadido. Ademais, poderás ver alimentos feitos a base de insectos, e comprobar o seu valor nutritivo. Serán o alimento do futuro?

Madeira das árbores: material do noso futuro

Descubre as vantaxes da madeira como material do futuro. Poderás observar de cerca a composición de distintas
variedades de árbores e, a través dun simulador experimentar a…

Monopraza

Os membros da escudería UVigo Motorsport amosarán o monopraza UM25, deseñado e fabricado polo propio estudantado e co que participan nas competicións automobilísticas máis importantes do mundo.

Interior do edificio Redeiras

PLANTA BAIXA

Arte en colaboración | tecendo ecosistemas en comunidade

A arte, como a natureza, é un sistema simpoiético, remitíndonos as teorías de Donna Haraway e Lyn Margulis, un sistema interrelacionado e interdependente. Esta proposta artística busca hibridar a teoría científica do nicho fundamental e a práctica de tecido artesanal, crochet e técnicas de anudado para facer medrar unha raiz colectiva no interior do edificio Redeiras. 

A peza artística medrará nas mans das participantes desde o teito cara abaixo, imitando o proceso de crecemento, coñecido como gravitropismo dun sistema radicular. O uso de cordas e nós non só amosará fisicamente a rede de raíces das plantas, senón que creará un lugar onde as co-creadoras poderán sentirse conectadas, entretecendo as súas historias a través de fíos coloridos. A procura, en última instancia, facer visibles os vínculos invisibles que nos conectan a todas e todos, co-creando un contorno máis-ca-humano, onde as persoas e a natureza permanecerán interconectadas.

Antía Iglesias

Mergúllate no mundo dos robots 

Gustaríache experimentar coa realidade virtual a práctica de windsurf ou dar un paseo pola praia de Samil? Neste posto interactivo poderás aprender xogando algunha das diferentes maneiras nas que as persoas interaccionan cas máquinas e robots. Non o perdas!

PRIMEIRO ANDAR

Os animaliños das nosas praias e o seu adn

Queres coñecer os moluscos, equinodermos e crustáceos das nosas rías? Neste posto terás a oportunidade de velos, tocalos e ata collelos coas túas propias mans. Atréveste a participar?

Coñece o teu río: o xogo do salmón

Xogo no que os xogadores e xogadoras interpretan a un salmón que debe ascender dende a desembocadura ata a cabeceira do río. Ao longo do camiño, deberán evitar barreiras e depredadores. Ademais, a través de microscopios poderase explorar de preto algúns dos macroinvertebrados acuáticos máis representativos da nosa ría, e observar con detalle as escamas de peixes para descubrir os segredos que gardan.

Cóntacho unha espía | CITMAga

Este obradoiro permitirá entender o sistema de cifrado que empregaba Xulio César nas súas conquistas, así coma o papel das matemáticas no cifrado e descifrado de mensaxes. Tamén se experimentará cos roles de César, soldado romano e espía celta na comunicación, ademais de construír unha máquina de cifrado.

Novas formas de realizar exercicio terapéutico

Canso e cansa de facer os exercicios que manda o/a médico/a ou fisioterapeuta? Gustaríache vivenciar que se pode realizar exercicio dunha forma máis lúdica e cos mesmos beneficios? 

Neste seminario poderás aprender que é a restricción do fluxo sanguíneo a realidade virtual mixta, e vivenciar a súa práctica.

Intelixencia artificial e simulación para a seguridade viaria

Pode unha Intelixencia Artificial detectar e explicar perigos na estrada?
Nesta actividade as persoas que participen empregarán simuladores e IA para intentar dar resposta a esta pregunta e medir o nivel de seguridade na condución diaria.

Xogando coa Intelixencia Artificial | CITMAga

Neste taller as persoas participantes poderán ver algúns usos lúdicos da Intelixencia Artificial, así como distintas formas de interactuar con ela.

SEGUNDO ANDAR (Obradoiros con inscrición previa)

Hackeando a Lei: xustiza con perspectiva de xénero

Queres coñecer cales foron as xuristas máis importantes dos nosos tempos e cal foi o seu papel na Historia? Cres que as normas xurídicas establecen o mesmo trato para mulleres e homes? Podemos cambiar as normas para darlles unha perspectiva de xénero? A través de diversos xogos e actividades manuais imos explorar o papel das mulleres no Dereito ao longo da nosa Historia. Anímate a participar!

INSCRICIÓN

LivingSoiLL
De restos a recursos, reavivando o solo con miñocas

Obradoiro para descubrir como aproveitar diferentes restos orgánicos e miñocas para devolver a vida do solo. Poderás cultivar a túa propia semente utilizando vermicompost

INSCRICIÓN

TERCEIRO ANDAR

Terra en apuros: despexando o misterio do efecto invernadoiro

A través de experimentos en tempo real, observarás como a presenza de CO2 na atmosfera atrapa a calor e fai aumentar a temperatura do planeta, axudándote a comprender dun xeito visual e participativo por que é tan urxente reducir as emisións e coidar do noso medio. 

Que o sinal te acompañe

Explora o mundo invisible das telecomunicacións, a intelixencia artificial e a ciberseguridade! 

As tecnoloxías que usamos a diario agochan un universo fascinante! Neste espazo convídannos a xogar, crear e descubrir como funcionan as redes, como aprenden as máquinas ou como podemos protexernos na internet. 

Tecendo ideas, imprimindo futuro

Neste espazo interactivo poderás comprobar como a química dos materiais e a impresión 3D poden transformar o futuro dos téxtiles e da cosmética sostible. Unha oportunidade única para ver e tocar tecidos intelixentes que cambian de cor en función do pH e probar cremas cosméticas creadas a partir do bagazo da uva. 

Como xerar enerxía e eliminar contaminantes

Neste obradoiro poderás aprender a xerar H2 cunha pila ou incluso crear unha pila que encenda unha lámpada. Ademais experimentarás coas técnicas máis novidosas para eliminación de contaminantes da auga. 

A viaxe dos microplásticos do inodoro ao mar

Que pasa cunha toalliña e outros restos de lixo cando o tiras polo váter?
Neste percorrido interactivo seguiremos o rastro dos plásticos dende a casa ata unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), e veremos como se reteñen (ou non) en cada etapa e coñeceremos unha solución.

A liga dos metais extraordinarios

Neste posto poderás coñecer a nanociencia e as súas aplicacións en medicina, biotecnoloxía e microbioloxía.
Unha experiencia participativa, visual e educativa para achegar a ciencia de vangarda a todas as idades. 

Que enxeñeir@ industrial queres ser?

Obradoiro didáctico das diferentes áreas da enxeñaría industrial: como a enxeñaría química, a enxeñaría dos materiais, a enxeñaría dos procesos de fabricación e a enxeñaría electrónica.

Argalladas manuais e comunicacións dixitais 

Como chega a información a min a través do aire? De que elementos se compoñen estas tecnoloxías? Como traballa a xente que as deseña? Participa neste posto manipulativo para coñecer e comprender conceptos sinxelos que explican por que as nosas redes de comunicación son como son.  

A información voa a velocidade da luz

Dende que abrimos os ollos ao nacer, a luz acompáñanos en todos os aspectos da nosa vida. A nosa experiencia, con todo, é só unha pequena parte do que esconde esta propiedade física. Nesta pequena exposición afondarase nalgunhas propiedades da luz que nos permiten comunicarnos a
distancias incribles.

Os teus cartos, o teu benestar: xogando coa alfabetización financeira

Tes gastos formiga? Déixache durmir o teu préstamo? Falas cos teus pais ou fillos sobre o orzamento mensual? Pagas en efectivo ou co móbil? Estas preguntas agochan claves importantes sobre como xestionamos as nosas finanzas persoais. Dende a investigación en ciencias sociais estudamos, entre outras moitas cousas, a relación das persoas co diñeiro, un asunto que moito nos intriga e que queremos explorar contigo. Farémolo a través de xogos que che farán reflexionar e divertirte, ao tempo que melloras a túa alfabetización financeira. 

Achégate ao noso espazo. Queremos que coñezas unha poderosa ferramenta para que poidas construír unha vida máis equilibrada, tanto no económico coma no emocional. Anímate, non che custa nada!